Thursday 16 de May de 2024

Xunta e Poder Xudicial acordan realizar dez actividades de formación continua para xuíces e maxistrados en 2016


As dúas entidades colaboran no financiamento, organización e xestión dos programas de formación e perfeccionamento dirixidos os xuíces e maxistrados que prestan os seus servizos na comunidade autónoma galega

A Xunta de Galicia e o Consello Xeral do Poder Xudicial celebraron unha reunión para concretar as accións de formación continua que levarán a cabo o ano que vén no marco do convenio de colaboración que cada ano subscriben ambas as entidades.

Nunha reunión celebrada na sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordouse a celebración de dez actividades, entre encontros e cursos, ademais da habilitación dunha partida para a compra de volumes para as bibliotecas xudiciais. O orzamento máximo para o desenvolvemento do plan é de 49.000 euros.

Xunta e CXPX colaboran no financiamento, organización e xestión dos programas de formación e perfeccionamento dirixidos ao conxunto dos xuíces e maxistrados que prestan os seus servizos na comunidade autónoma galega. Na reunión participaron o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, entre outros cargos da Xunta, ademais de representantes das catro asociacións xudiciais.

Actividades previstas para 2016
– Dereito Administrativo para maxistrados de ordes xurisdicionais diferentes ao Contencioso (curso multidisciplinar).
– Novo baremo de accidentes (curso multidisciplinar).
– Protección do consumidor: cláusulas abusivas. Concursos de persoas físicas (curso para xuíces da xurisdición civil).
– As reformas en Dereito de Familia e xurisdición voluntaria (curso para xuíces da xurisdición civil).
– Reformas procesuais 2015. Especial referencia ao Estatuto da Vítima (curso para xuíces da xurisdición penal).
– Reformas do Código penal. Novo sistema de penas (curso para xuíces da xurisdición penal).
– Encontro Orde Xurisdicional Social.
– Encontro Orde Xurisdicional Contenciosa-Administrativo.
– Encontro de xuíces de paz das provincias de Ourense e Pontevedra.
– Formación a distancia. Especialización en Dereito Civil de Galicia.